nâo é por acaso Luis

nâo é por acaso Luis: (www.astormentas.com)
Poema ao acaso


quinta-feira, 26 de abril de 2012

de Xaime Isla Couto, em sua memoria


Isla Couto, nunha imaxe do ano 2000, lendo nunha biblioteca de Lugo. Óscar Cela

(Textos e foto tomados da Voz de Galicia, 26 abril 2012)



Falece Xaime Isla Couto,

o último dos fundadores da editorial Galaxia



O intelectual, de 97 anos, promoveu o Seminario de Estudos Galegos


Camilo Franco

santiago / la voz 26 de abril de 2012 05:05 GMT

Tiña 97 anos e como tantos membros da súa xeración foi un home con moitas tarefas e unha causa: Galicia. Xaime Isla Couto morreu onte en Vigo tras unha vida na que participou nos momentos claves do galeguismo ao longo do século XX.

Nacido en Santiago, educado en Pontevedra e cunha intensa relación vital con Vigo, Xaime Isla Couto participou en distintas etapas da súa vida na fundación e promoción de movementos e institucións que debían contribuír á vertebración de Galicia. Na súa biografía figuran momentos claros da súa circunstancia vital e da súa vocación política que se manifestou de xeito temperán. Asegurou nunha entrevista para o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura que na escola participara nun «grupo escolar ao servizo da República». «Eu proclamei a República catro horas antes de que se proclamase en Madrid no ano 31», afirmou.

Participou na posta en marcha do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que tivo unha influencia decisiva na súa vida: «Foi nela na que eu decidín cambiar a miña intención de estudar filosofía por estudar economía». Finalmente estudaría Maxisterio e Comercio. Tamén participou na posta en marcha da Federación de Mocidades Galeguistas.


O impacto da guerra

A Guerra Civil tronza polo medio unha gran parte dos proxectos de Isla Couto e os seus compañeiros de xeración, pero para el había «un patrimonio moi importante que conservar e transmitir». Foi en 1950 cando pon en marcha a empresa cultural que ata onte aínda presidía de xeito honorífico. Xunto con Ramón Piñeiro e Fernández del Riego puxo en marcha unha editorial, Galaxia, como cabeza dun proxecto que ía alén dos libros e que promovería a normalización do galego e a preocupación por disciplinas como a economía e a socioloxía. O actual director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, describiu a Isla como un «home cunha capacidade para conciliar puntos de vista distintos», e explicou tamén que a súa obra non foi escrita, pero foi grande porque foi «un dos grandes sementadores e creou moitas conciencias galeguistas». Freixanes asegurou que a maneira de Couto de ver o galeguismo non era só cultural, «era tamén a da empresa, a da economía, e tiña unha idea moi avanzada da economía social».

Ao longo de onte numerosas institucións lamentaron a desaparición de Isla Couto. Mentres o Consello da Cultura Galega salientou o «inequívoco compromiso galeguista», lembrando a súa tradución da Biblia ao galego, o presidente da Xunta sinalou que o finado foi «un infatigable impulsor do progreso da nosa cultura» recordando a fundación da Revista de Economía de Galicia. A Real Academia emitiu un comunicado no que o definiu como «patriota cristián, sabio e xeneroso».


Comentarios:

#1

Pepe
de Santiago de Compostela


Adeus, irmán, amigo e home de ben!

Hoxe é un día de tristura para Galicia: perdemos un grande home, un home de compromiso, amor e paixón por Galicia. A pesar de que non tiña a relevancia pública doutros grandes persoeiros da cultura galega, o segundo renacemento da nosa cultura durante os tempos escuros da dictadura franquista non se poderá entender sen o labor incansable de Don Xaime. Xaime encarnou as principais virtudes do galeguismo: a xenerosidade, o compromiso, a humildade e a solidariedade profunda coa alma e espírito do pobo galego que conservou a nosa lingua e a cultura ao longo dos séculos. Grazas a Xaime, ás súas lucidías intuicións, ao seu cristianismo de raiz, á súa bondade... grandes obras da cultura galega viñero á luz: a Editorial Galaxia, a Revista de Economía de Galicia, a Editorial Sept, o IGESCO, a colección Illa Nova de literatura, etc. Sempre nun segundo plano no protagonismo público, pero home de proxectos, de raíz e utopía, de lectura innovadora do futuro de Galicia, aberto ás correntes europeas do seu tempo sempre á esculca dun futuro mellor que fose fiel a unha Terra que demanda e esixe a nacencia dunha sociedade galega exemplar en valores e contribución á cultura universal. A súa frase favorita trala desfeita da Guerra Civil era "realizarse no fracaso", seguindo a Jaspers. Xunto con Paco del Riego, Ramón Piñeiro e tantos outros irmáns na fe do galeguismo, Don Xaime "queimou a súa vida por Galicia". Hoxe Deus teráo na Gloria da Santa Compaña dos Inmortais Galegos. Deus te bendiga, irmán e amigo! Deus te bendiga, Cristina por aloumiñalo co teu amor!


#2

dosio alvarez alvarez
de vigo

Un dos bos e xenerosos.

Hai persoas que o desaparecer deixannos un legado cultural e de traballo polos demáis e polo seu país, outros deixannos un exemplo de vida, na que destaca a súa humanidade, bondade e esforzo pola súa familia e o seu entorno; Pero só algúns son capaces de trasladar as xeracións vindeiras unha perfecta dose de entrega aos demáis e legado cultural e intelectual. Iste é o caso de Don Xaime Isla. Seguramente agora teremos as ceremonias de recoñecemento de rigor, as grandes frases de amigos e outros que non o son tanto. Eu propoño un esforzo de recollemento intimo que remate cunhas simples GRAZAS, para quen foi un dos nosos mellores homes.


#3

Miguel Fernández Gómez
de París

Ejemplo a seguir

Isla Couto fue un ejemplo de coherencia, inteligencia y mesura en un mundo en pérdida de valores. Lamentablemente poco conocido por la mayor parte de los gallegos. Se va uno de los mayores intelectuales del último siglo. Que su ejemplo perdure en el tiempo por encima de connotaciones políticas o de otra índole. Mi más sentido pésame a sus familiares y amigos. Descanse en paz.


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2012/04/26/falece-xaime-isla-couto-ultimo-dos-fundadores-da-editorial-galaxia/0003_201204G26P38991.htm


Unha xeración irrepetible

Xesús Fraga
26 de abril de 2012 05:00 GMT

A Guerra Civil acabou cos soños dunha xeración que vira no galeguismo, como extensión natural da democracia, a fórmula idónea para contribuír ao progreso do seu país e os seus contemporáneos. Aqueles galeguistas posuían unha visión integral da sociedade que querían alén da reivindicación cultural, apoiada na política e na economía, pero foi pola cultura por onde tiveron que comezar a reconstrución do seu proxecto nos tebrosos anos de posguerra. Xaime Isla Couto participou naquela polinización de ideas que alicerzaría de novo os piares dunha cultura galega. Consciente de que a cultura equivale a un país e un país a unha economía, puxo a súa visión empresarial, non só co ensaio, senón tamén ao servizo de Galaxia e numerosas outras iniciativas asociadas. Unha tarefa titánica, tendo en conta os medios orixinais e o asfixiante ambiente no que se desenvolvían. Nestes tempos nos que Galicia perde peso no tecido industrial, empresarial e financeiro, e nos que algúns que manexan números ven no galego un cero á esquerda -ou o anteceden do signo de resta- non debemos esquecer o exemplo desa xeración irrepetible.


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2012/04/26/unha-xeracion-irrepetible/0003_201204G26P38997.htm



/E-2305/27-0048h.51019/

Sem comentários:

Enviar um comentário