20:45 h. Cuarta feira, 04 de Xuño do 2014:
A semana próxima enceta o xuízo d@s 12 que se mobilizaron contra a 'manifestación do odio' de GB
Trátase dalgúns dos activistas que se expresaron na rúa contra a marcha do 8 de febreiro de 2009 convocada "contra la imposición del gallego". Enfrontan peticións de prisión que suman 45 anos e unha multa de 34.000€. Vídeos no interior.
Tras dous adiamentos, será a próxima semana cando se inicie o xuízo oral contra as 12 persoas que en outubro de 2009 se mobilizaron contra a marcha convocada por Galicia Bilingüe en Compostela. As vistas terán lugar os vindeiros días 22, 23 e 24 no xulgado do penal nº2 de Fontiñas, Compostela. Os e as encausadas enfrontan peticións de cadea que suman 46 anos e unha multa de 34.000€.
"Moitas persoas decidimos saír a rúa ese día para rexeitar a galegofobia"
O 8 de febreiro de 2009 a asociación Galicia Bilingüe realizaba en Santiago de Compostela unha manifestación contra o que cualificaban como "imposición do galego". A marcha contou co apoio de importantes dirixentes do Partido Popular, como os actuais Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Nela participou tamén a líder de UPyD, Rosa Díez, así como figuras relevantes de forzas españolistas como Falange. Para asistir á mesma deslocáronse autobuses desde diferentes puntos do Estado, como Madrid ou Salamanca.
Fronte esta convocatoria, cualificada por sectores comprometidos na defensa e promoción da nosa lingua como "manifestación do odio", entre 200 e 300 persoas acudiron as súas inmediacións para expresaren a súa discrepancia e rexeitamento cos propósitos e reivindicacións da marcha. "Moitas persoas decidimos saír a rúa para rexeitar a galegofobia" explicaban dous dos encausados, Joam P. e Aurélio L., nunha entrevista concedida a SERMOS en 2012. "O que fixemos foi evidenciar que hai un conflito entre dúas identidades [a galega e a española] que tamén se manifesta no idioma" acrecentaban daquela.
Denuncian existencia dunha estratexia para "criminalizar o movemento en defensa do idioma deste país".
A contramanifestación desenvolveuse maiormente nun tono de crítica mordaz, cunha comitiva "ridiculista" que con disfraces e cartaces irónicos pretendía parodiar os convocantes. Porén, terían lugar duras cargas por parte do amplo dispositivo policial habilitado contra quen no espazo público quixo defender o galego. Segundo denunciaron varios activistas, no marco dese operativo policial realizáronse identificacións a persoas polo simple feito de se expresaren en lingua galega.
Varias das persoas identificadas canda outras que non o foran, até totalizar doce, acabaron encausadas imputándoselles supostos delitos de desorde pública e resistencia á autoridade. A petición de penas vai dos 2 aos 7 anos de cadea, sumando todas elas 45 anos de privación de liberdade e 34.000€ de multa. Para as persoas acusadas "a desproporción das penas procura un efecto de exemplaridade, de castigo" que respondería á existencia dunha estratexia para "criminalizar o movemento en defensa do idioma deste país".
O 8F varias persoas foron identificadas pola policía por se expresaren en galego
As e os 12 activistas receberon desde o inicio numerosas mensaxes de solidariedade. Forzas políticas como BNG, AGE, Nós-UP e Causa Galiza, organizacións sociais como Esculca, Queremos Galego e Prolingua, así como os sindicatos CIG e CUT, expresaron o seu apoio e criticaron un proceso que varias destas cualificaron de "xuízo político".
Adiado por dúas veces
O 24 de abril de 2012 era a primeira data fixada para o inicio do xuízo oral. Porén, o recurso da defensa solicitando a nulidade pola incoporación, por parte da fiscalía, de delitos que non foran imputados no seu escrito de acusación, provocou que a sala decidise un aprazamento sine die, ao recoñecer a propia xuíza que "certamente existe unha omisión involuntaria [da fiscalía] que podería xerar indefensión".
Gloria Lago e Rosa Díez serán chamadas a comparecer como testemuñas da acusación
A fins de xaneiro do presente ano fixábanse novas datas para a realización do xuízo. Serían os días 25,27 e 28 de febreiro de 2014. Porén, un erro na citación entregada a unha das persoas encausadas, e a circunstancia engadida de que outra ficase fóra do país por motivos laborais, que non se podías pospor, provocou un novo adiamento.
Após ese segundo adiamento, a vista oral celebrarase os vindeiros días 22, 23 e 24 de maio. Na primeira das xornadas comparecerán as testemuñas da acusación, entre as que se atopa Gloria Lago (Presidenta de Galicia Bilingüe) e Rosa Díez (voceira de UPyD no Parlamento español). A segunda xornada centrarase na toma de declaración a máis de vinte axentes da policía española, para concluír a terceira coa declaración das testemuñas da defensa.
Vídeocrónica do 8F
Deseguido publicamos, de novo, a videocrónica elaborada por GZ Vídeos da manifestación do 8F, da súa contramanifestación "ridiculista" e máis das violentas cargas policiais que tiveron lugar esa data.
Ver mais en:
http://www.sermosgaliza.com/articulo/lingua/semana-proxima-enceta-xuizo-d-s-12-mobilizaron-manifestacion-do-odio-gb/20140514025511027271.html
Sem comentários:
Enviar um comentário